Thursday 25 de April de 2024

Veciñas e veciños de Camariñas son os protagonistas do novo programa de compostaxe municipal


A veciñanza que xa está compostando fixo unha serie de vídeos de difusión da campaña, que se moverá polas redes sociais e que pretende captar a 200 novos participantes.
O Concello de Camariñas levará a cabo unha acción de captación de participantes para o programa de compostaxe municipal que se articulará nunha serie de vídeos de difusión da campaña no que os protagonistas son os propios veciños e veciñas que xa están a compostar.
Hoxe publicarase nas redes sociais da campaña ‘Rede Compost da Vida Camariñas’ o primeiro dos cinco pequenos e orixinais vídeos dos participantes de edicións anteriores e nos que contan a súa experiencia e convidan a participar aos novos veciños e veciñas.
Difundiranse a través de Facebook, Twitter, Youtube, Whatsap e tamén na web do Concello, co obxectivo de captar a 200 novos participantes entre a cidadanía de Camariñas, arrancando de tal xeito a campaña de difusión e a apertura da fase de solicitude de participantes.
Programa de compostaxe de Camariñas
O Concello de Camariñas decidiu poñer en marcha este programa de compostaxe doméstica destinado a toda a súa poboación que conte cun pequeno terreo no que compostar os seus residuos orgánicos, impedindo que cheguen aos contedores da rúa e pechando o ciclo da materia nos fogares.
O proxecto, que durará 12 meses e que está financiado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, atópase actualmente na primeira fase de difusión e captación de participantes.
Preténdese que 200 novas familias comecen a reducir residuos a partir da implantación do programa e a transformalos en compost para os seus xardíns ou plantas. Ademais, ao reducir os desprazamentos destes residuos á planta, estase a provocar unha redución nas emisións de gases de efecto
invernadoiro e por tanto freando o cambio climático.

Unha vez seleccionadas as 200 familias participantes terá lugar a súa formación e un período de seguimento personalizado por parte das técnicas de Amigos da Terra, que acompañarán a estas familias ao longo do proceso a fin de resolver dúbidas e solucionar problemas, capacitándoas para que elas soas continúen o proceso.
“Coa compostaxe estaremos reducindo nun 50% a cantidade de residuos enviados ó ciclo da xestión municipal, producindo un importante aforro municipal, ademais de obter un produto de calidade para os solos do noso Concello”, declara Sergio Caamaño, Concelleiro de Medio Ambiente e responsable do proxecto.
O único requisito para formar parte deste programa é, ser veciño/a do Concello, ter un pequeno xardín ou terreo e estar disposto/a e motivado/a a formar parte deste proxecto educativo e formativo.
Inscricións: 981 737 004 medioambiente@camarinas.net